PARLAMENTO DE GALICIA
REXISTRO XERAL ENTRADA
Data asento: 19/07/2007 10:36
Nº Rexistro: 22579
Grupo Parlamentario Popular de Galicia
Á Mesa do Parlamento
O
Grupo Parlamentario Popular de Galicia, a través do seu
Portavoz e a iniciativa dos seus
deputados Alberto Núñez Feijóo, Manuel
Ruiz Rivas, Roberto Castro García e Manuela López
Besteiro, ao abeiro do disposto no
artigo 160 e concordantes do Regulamento da Cámara, presenta a
seguinte Proposición non de Lei para o seu debate en Pleno.
O
pasado día 29 de xuño aparecía publicado no
Diario Oficial de Galicia o Decreto
124/2007, de 28 de xuño, polo que se regula o uso e a
promoción o galego no sistema educativo.
O citado Decreto, de gran relevancia para o logro dos obxectivos da Lei de Normalización Lingüística e do Plan de Normalización da Lingua Galega, sofre eivas moi serias ao non se axustar ás indicacións do ditame elaborado polo Consello Consultivo de Galicia.
De feito, o propio Decreto, na súa exposición de motivos, emprega a fórmula "oído o Consello Consultivo" no canto da habitual "de acordo co Consello Consultivo" o cal demostra que a propia Xunta de Galicia é consciente de que o Decreto aprobado e publicado desvíase das indicacións do devandito Ditame.
Isto
é particularmente grave, non só pola especial
importancia da normativa en cuestión
(que afecta directamente a todo o sistema educativo, e en particular
aos alumnos, aos pais e aos docentes), senón pola particular
gravidade das observacións realizadas polo Consello Consultivo
ao advertir da súa manifesta ilegalidade.
En
efecto, o citado ditame conclúe con este contundente párrafo:
Por todo o anteriormente exposto, o Pleno do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros, ditamina:
"Que o proxecto de decreto para a promoción do galego no ensino, no marco da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, non é conforme a dereito polos motivos indicados no corpo do ditame"
Entre
os motivos que se citan no corpo do ditame, convén citar
aquí textualmente algúns dos párrafos máis
ilustrativos:
Referíndose
aos artigos 8 a 12 do Decreto:
"Estes preceptos establecen unha porcentaxe de mínimos (cincuenta por cento) para o uso do galego, nas distintas ensinanzas que se contemplan, se ben non se establece ningún límite específico ao tope máximo de materias que se poidan impartir na devandita lingua.
Hai que advertir ademais, nesta orde de cousas, que o desenvolvemento do proxecto lingüístico do centro pode desvirtuar a natureza do modelo, transformando o que é un sistema de fomento e conxunción lingüística, que defende, con carácter xeral, este proxecto, noutro modelo de índole diferente, de inmersión obripatoria para eses centros, podendo comprometer o equilibrlo do sistema actualmente deseñado".
Referíndose
ao artigo 13:
"Os artigos 8, 9, 10, 11 e 12 do proxecto de decreto establecen a obrigatoriedade da impartición de determinadas materias en lingua galega, e o artigo 13 no seu apartado 1 particulariza o uso da dita lingua nesas materias por parte do alumnado, dispoñendo que este "utilizará, con carácter xeral" o galego nas manifestacións oral e escrita, nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega.
O dictame do referido órgano engade: "É esta unha das previsións que, destacadamente, se atopa coa falta dunha suficiente cobertura legal como consecuencia do baleiro normativo orixinado polo xa analizado pronunciamento do Tribunal Constitucional sobre o deber de coñecemento da lingua galega".
É
dicir, segundo o máximo órgano asesor da Xunta de
Galicia, este Decreto é
ilegal, non é
conforme a dereito, o cal xera unha situación de inseguridade
xurídica indesexable e inasumible nun asunto desta relevancia.
Por
este motivo, o Grupo Parlamentario Popular asume a responsabilidade
de propoñer as medidas necesarias co fin de garantir a
imprescindible seguridade xurídica neste eido. Só así
se pode impulsar con eficacia o coñecemento e a promoción
da lingua galega no ensino, e non cunha normativa sobre a que penden
moi serias dúbidas da súa legalidade e que polo tanto
podería ser declarada nula nun futuro.
As
medidas propostas por este Grupo inspíranse no espírito
do Plan de Normalización da
Lingua Galega, que é o marco de acordo e consenso que permite
seguir impulsando o galego dentro do sistema educativo, cun modelo
integrador das linguas recollido na Lei de Normalización
Lingüística, que aposta con claridade pola normalización
da nosa Iingua e polo equilibrio do galego e o castelán.
Ese
marco de consenso debe presidir o desenvolvemento normativo
nesta materia, garantindo sempre os dereitos individuais e colectivos
e o equilibrio das dúas linguas, cuestións estas que o
citado Decreto non respecta axeitadamente, como así acredita o
Ditame do Consello Consultivo.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte Proposición non de Lei para o seu debate en Pleno:
"O
Parlamento insta á Xunta de Galicia a modificar o Decreto
124/2007, polo que se regula o uso e
a promoción do galego no sistema educativo, incorporando
tódalas recomendacións do Consello Consultivo, en aras
de conseguir o maior consenso parlamentario e social e as necesarias
garantías de legalidade, incluíndo en particular:
1.
- A garantía de total equilibrio na distribución
horaria das materias a impartir en
galego e en castelán (50% galego - 50% castelán). A
citada proporcionalidade deberase manter igualmente nos centros que
teñan proxectos plurilingües.
2.- A garantía de liberdade de uso das dúas linguas por parte do alumnado, tanto no seu contacto co profesor como na redacción dos exames, nas materias que obrigatoriamente se impartan en galego e tamén nas que se impartan en castelán, exceptuando as materias de lingua e literatura galega e lingua e literatura castelá.
3. - A garantía de que, na educación infantil, os alumnos serán acollidos na lingua que determinen os pais.
4.
- As medidas para garantir que os alumnos acaden as competencias
lingüísticas en galego e en castelán, propias de
cada nivel, incluíndo o nivel de ensino infantil, dentro das
características propias de cada etapa educativa."
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2007








